Afundación, en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE), presenta o informe anual 2015 da serie A Economía Galega, que cumpre este ano o seu trinta aniversario. O traballo reflicte a evolución que experimentaron os diferentes sectores da economía galega en 2015 e nos comezos de 2016, aludindo, para a súa contextualización, tamén aos ámbitos europeo e español.
En analoxía co que xa se constatou no exercicio de 2014, un ano máis as economías avanzadas sitúanse á cabeza do crecemento, en detrimento das economías emerxentes. A nivel español, a demanda nacional foi o factor fundamental de crecemento, ao achegar 4,1 puntos porcentuais ao avance do PIB, froito do dinamismo do consumo dos fogares e empresas e do investimento produtivo, ademais da recuperación do mercado de traballo. No eido dos sectores produtivos, cómpre resaltar os bos datos rexistrados no turismo. En conxunto, a economía española constata un avance do 3,2 % en 2015, o máis elevado desde 2007.
A economía galega medrou un 2,1 % segundo o IGE, o que supón 1,7 puntos máis que o ano anterior e é o mellor comportamento desde 2007. O INE estimou un crecemento do 3,2 %. Esta traxectoria suxire que a recuperación industrial está sendo o motor do crecemento en Galicia, se ben as outras actividades tamén están respondendo dun xeito positivo. A construción está a medrar por enriba da media, mentres os servizos presentan resultados moi dispares, sendo a rama do comercio, o transporte e a hostalería o segmento máis dinámico.
457 páxinas, 28 x 20 cm