O 26 de abril de 1506 desembarcaron no porto da Coruña Xoana de Castela e Filipe o Fermoso, herdeiros da coroa de Castela polo testamento de Isabel a Católica. Pese a que a súa chegada estaba prevista nalgún outro punto da costa cantábrica onde a parella sería esperada polo rei Fernando, o desexo de evitar o encontro con el e o medo a atopar interceptada polas súas guarnicións a saída de Galicia polo camiño de León (o que seguían os peregrinos) xustifican o cambio de itinerario dos reis. Dirixíronse desde A Coruña a Santiago por Betanzos e tomaron o camiño de Benavente, vía Ourense; unha ruta longa e fragosa, de difícil orografía e tránsito. O lento e fastuoso paso da comitiva real por esta ruta representaba unha gran novidade para a pobación. Estas xornadas galegas de abril a xuño foron de vital importancia, converténdose no decorado de fondo sobre o que descorreron os acontecementos políticos, asomando nel os actores do drama suscitado polo cadro sucesorio en Castela.
210 páxinas, ilustracións, fotografías en cor e bitón, 26 x 20 cm