Salvador Dalí é un dos artistas plásticos máis coñecidos do século XX, gozou desde moi novo dunha inmensa popularidade. Foi un apaixonado provocador e un visionario, tamén un perfeccionista, un miniaturista meticuloso, tecnicamente impecable, e un profundo coñecedor dos grandes mestres da pintura.
Este catálogo está dedicado a unha exquisita selección de 50 obras, entre óleos, acuarelas e debuxos, pertencentes aos fondos da fundación que leva o seu nome e o da súa esposa e musa; son, polo tanto, na súa maior parte, obras que permaneceron con el ata o seu falecemento. O conxunto conforma unha visión representativa de toda a traxectoria daliniana, desde os anos vinte ata comezos dos oitenta. Inclúese o poema «Oda a Salvador Dalí» (Revista de Occidente, 1926) de Federico García Lorca e o texto do propio Dalí titulado O burro podre, dedicado a Gala Éluard.
164 páxinas, ilustracións, fotografías en branco e negro e cor, 28 x 21 cm